Alexis Lask

cadro00 cadro01 cadro02 cadro03 cadro04 cadro05 cadro06

Exposición de obra pictórica no museo municipal do 11 de marzo ó 11 de abril 2010

Poemas de Fernando Pessoa en francés inseridos no lenzo; paisaxes e mundos imaxinarios similares ós beatos; escritas soñadas como debuxos; Paul Klee , algo de Gustave Klint e de Giacometti; a procura do seu propio camiño; arquitecturas inventadas; interpretación da ponte do Millau-Milló; o Canigó, olimpo dos cataláns. Pastel sobre lenzo, técnica mixta.

Un encontro, e a sincresis de varias culturas. Alexis Lask é o meu mellor amigo da infancia. Infancia en Prada de Conflent, Cataluña francesa. A nai Jacqueline Juanola  tamén pinta cadros naïf. Alexis nace en París en 1962. Os seus pais retornaron  pouco despois do maio 68 ó solar materno, eles hippis con empregados e tenda, “L’Atelier”. Hippis-burgueses instalados nunha sociedade de consumo. Eu vindo da aldea medieval, sen os servizos mínimos; lume no chau, nin lareira; auga da fonte; e belísimos palleiros dourados de centeo. Pan mouro cocido no forno comunal.Nós eramos emigrados económicos sen sabérmolo. E non tiñamos materialmente nada.

De nenos compartiamos xogos e soños, eramos indios fronte ó materialismo dos cow-boys quenes tiñan as de gañar, roles estes escollidos por outros compañeiros. Co tempo aquel lévedo levedou. El convértese en artista,  radical e honesto, a plasmar mundos imaxinarios, vivindo co imprescindible, rachando coa vida convencional dos que teñen a vida arranxada, e eu a querer recuperar a aldea como proxecto fulcral e vital, xuntando percepcións artísticas que me acheguen a ela a modo de fanal e guía. Reivindico o sentir dos poetas, as percepcións dos escritores, as emocionalidades despertadas por os artistas como fundamentais na conformación do noso futuro, ó mesmo nivel que as dos científicos ou as dos pensadores puros.

Lamazares recente: Domus omnia e fai frío no lume, outro irmau no camiño.

Miguel Karballo: A aldea soñada.Tamén na procura.

Tardei media vida en decatarme por que o seu pai, Serge Lask, unha das persoas máis boas que teño coñecido, librara da morte en maos dos alemáns ó esconderense el e unha súa irmá nun armario. Eran xudeus. Nacido en París, era a segunda xeneración descendente das remesas de xudeo-polacos vindos a Francia na época de entreguerras.

O pai escomenzou en París sendo surrealista e pintou compulsivamente nos últimos anos da súa vida, nos noventa, unha escrita yiddish, fretada, lixiviada, semiemborronada,  que recolleu nos muros escascarillados de  Polonia corenta anos despois de terse feito, resistindo á intemperie e ó tempo.Ten obra no museo da arte xudía de Xerusalén. Mete fotos da súa nai, desaparecida nos campos nazis,  e trata de apagar a labareda  do seu xigantesco sufrimento por ter sobrevivido a Shoah. Atrévese a interpelar a Boltanski, quen tanto nos impresionou co seu montaxe en Santo Domingo de Bonaval, recordándolle que por ser dunha xeneración de post-guerra non é quen de albiscar a demoledora dor dos que estaban alí.

Lask apelido xudeo-Polaco, Lask cidade de Polonia.

Agora entendo mellor porque o meu amigo Francés e catalano-xudeo-polaco se refuxiou en Eus “un des plus beau village de France”, veciño, praza por medio, de Madame Ursule Vian, a viúva de Boris. Eus, onde se ubica a sede da fundación que perpetua a súa memoria. Lembro a lectura adolescente “du plus poignant roman d’amour contemporain” segundo Raymond Queneau, “l’écume des jours”, un regalo de Alexis. Eus,  chantado ó sol fronte ó macizo nevado dos Pireneos. No sopé do glaciar cónico do Canigou, larguísimas extensións de pexegueiros, albaricoqueiros e froitales que tanta vida deron a tantos galegos que recolleron o froito. Refléxanse en algúns dos seus cadros, neses mundos redondos e pechados que parecen tomados dos beatos medievais.

Desde o obradoiro de Eus, ulindo a brisa do mediterráneo e das garrigas aromáticas, amasadas coa floresta caducifolia pirenaica, e centrado na súa arte.

Deixa dar voltas ó mundo sen engancharse a ningunha necesidade superficial.

Dixemos Mediterráneo, Collouire que tanto pintou, e Macizo dos Pireneos?. Esas dúas luces mestúranse na suá pintura.

Traigoo agora á miña terra en tornaxeira por ternos acollido el na súa. E teño a certeza de que xuntos, con todos aqueles que queiran sumarse, soñaremos unha aldea universal, unha “aldea do futuro”, co mellor do pasado e do presente, aberta, comunicativa, espiritual,estética, ecolóxica, sostible, e sincrética.

Declároo como vontade de vida, de eiquí ata que fine. Ogallá o tempo nos sexa dado.

Nós, os híbridos sen remedio, Galaico-Catalano-Francés, aldeano-universal, e xudeo-polaco.

Ehí recollidos nun cadro, os topónimos de onde moramos e que amamos: Bobadela a Pinta, Prades, París, Lisboa, Genève, Compostela, Hochelaga-Montréal. Engádese: Auria, Viria, e  Trivia.

Autor: José Manuel Bouzo Limia, comisario da exposición

www.anaman.org

cadro00 cadro01 cadro02 cadro03 cadro04 cadro05 cadro06