Artigo do can de Castro Laboreiro refeito en Novembro de 2008 Publicado con pequenas variacións e sen tantas citas na revista "A Trabe de Ouro", publicación galega de pensamento crítico, tomo III/ ano X / xullo. Agosto. Setembro de 1999”. Dirixida por Xosé Luís Méndez Ferrín e correxido daquela por o amigo Manolo Outeiriño, prof. De xornalismo Univerdidade de Santiago de Compostela. por José Manuel Bouzo Limia.
POR QUE, E PARA QUE ?
Sempre quixen un can, as circunstancias impedíronme telo ata o ano 1991. O feito de que os humanos podamos dividirnos en cinófilos ou non é intrigante, mais pode ter explicacións sinxelas.
Na miña patria, a infancia no rural1, ese paraíso perdido, había unha cadela que nos morreu de velliña, sen dentes, e deitando moita tenrura, emburatada entre unhas lumieiras2, a Linda no seu servicio derradeiro, deu unhas mulidas3 para a xugada de vacas marelas da casa4.
Cando puiden ter un can decidínme coma sempre por unha raza autóctona. Era o empeño de rescatar parte da miña patria, esa cosmovisión5 diferenciada con serios problemas de supervivencia. Xa o fixera nos anos 93-94 con unha extraordinaria vaca Limiá6 de catorce anos que caseque me arruinou, das que só quedaban vinte exemplares, menos ca tigres de Bengala, pois a vaca era preñada sistemáticamente de rubio, (de “país”, no decir dos veterinarios de León que se prodigaron na nosa terra, como tanta outra fauna do P.P.O., asoballando de mil maneiras). Posto a falar en vacas, direi que vín en Pedroso-Ríos no 1996 unha Vianesa preñe de Frieirés; en Zós de Trasmiras unha Limiá de Vianés. A suma de efectivos das cinco razas Morenas do Noroeste7 non superará cecáis a de Osos Panda8.
O Pastor Alemán e o Rottweiler, cans atractivos e totémicos estaban moi difundidos entre nós. E non había na nosa terra ningún can tan fermoso e funcional?. As miñas preferencias decántanse para cáns máis ben de garda de tamaño medio ou grande. Cando puiden ter un can, pensei que o máis próximo era o Mastín Leonés, ese molosoide xa hipertrofiado dos concursos. Reparei logo noutras razas de Mastíns non recoñecidos que malvivían . O can das Meninas, pintado por Velázquez9, segue véndose en algunhas fincas extremeñas cuspidiño de feitíos e non é ningunha das dúas razas recollidas en España: nin Leonés, nin dos Pirineos. Unha forza xenética subxacente que fai que as formas se repitan douscentos anos despois.
Hai razas de cans perdidas. En Galicia non se fixo nada polo Can de Palleiro10, está sin estandarizar e sobreviven exemplares en lugares dispares. En troques o goberno vasco acaba de financia-la recuperaciòn do Pastor basco, un elemento máis para reforzar a identidade. O EUSKAL ARTZAIN TXAKURRA.11
Defendo, como o veterinario investigador Carlos Contera12, e algúns máis, a existencia dun morfotipo homoxéneo que algúns vellos describen perfectamente. Defendo a existencia dun can galego, dun can que dormía fora á xeada, no palleiro, que se mantiña pobremente dunhas sobras ou dunha cunquiña de caldo. Il había máis?. Había. Vixiaba as tenzas, acompañaba o gado e daba agarimo.
O can do que tratamos era o Mastín do País, no decir do Manolo Ferreño de Guamil, concello de Baños de Molgas13, que ben atinou no que andamos a procurar. Nistes momentos deberíamos volve-los ollos cara ó intento dos veciños Portugueses en pro da tipificación do Can do gando do Parque de Montesinhos14, limítrofe con Ourense e Zamora. Prodixioso triángulo. Segundo expertos, trátase dunha variante do “Rafeiro do Alentejo”15 adaptado ás circunstancias locais. A palabra “rafeiro” emprégase tamén como o xenérico “palleirán” onda nós. O Can de palleiro16 é moi similar. Son o mesmo can?. Se non son, veñen dun tronco común matizado co tempo. Se queremos remontarnos máis poderiamos relacionar os mastíns co Mastín do Tibet, que viría a ser o pai común, segundo os entendidos. Ó cabo, na orixe destes cans e de todolos outros (xa sen dúbidas, despóis de moitas controversias), estaría o lobo, con dous grandes períodos de domesticación, un fai cen mil anos e outro mais recente, eiquí está a sorpresa. É a orixe común que se colixe das análises do ADN.
Ante tanta dúbida na escolla . Qué nos queda? Coma sempre:”menos mal que nos queda Portugal”: abenzoada fronteira17.
A vista de páxaro do meu lugar de orixe – A Limia, en Ourense- vese o Larouco18. Tamén se ven desde ese meu lugar os cumios de Fonte-Fría e, situándose no medio da Antela19, tan ruínmente expropiada20, abesúllanse os montes de Castro Laboreiro. O topónimo leboreiro, anterior a laboreiro, repítese nas terras de Ourense pasado o Rodicio, quere decir que había lugares inzadas de lebres?.
Os que opinan que o can de Castro Laboreiro é un can hiperpuro, sen aportacións espúreas, manteñen que o lugar de Castro Laboreiro estivo illado durante séculos. Mais consta que o Castro Laboreiro estivo moi comunicado noutros tempos, aínda que a permeabilización debeu ser moi lenta. Pomos por caso que os de Celanova ían andando á Virxe da Peneda. Todos estes lugares caen dentro do Parque Nacional da Peneda Xurés, primeiro parque nacional Portugués, que inclúe xentes e aldeamentos*, cousa que no momento da creación (alá por mil novecentos setenta e un), éralles concepción vangardista da naturaleza. Foi nese recanto de protección administrativa máxima onde se formou unha raza única de can da que se conservaban moi poucos exemplares nos anos oitenta. Se pasaban dun cento, éralles milagre. A quen mais lle debemos a práctica salvación foi a Escola de Fusileiros que os utilizou de can policía ou de garda. E ó inefable Padre Aníbal Rodrigues, oriundo do Mareco, cura da freguesía durante máis de cincuenta anos.
Os fusileiros proporcionaron a mor parte de exemplares rexistrados ós novos criadores que conformaron o núcleo fundador do C.C.C.L. , Clube do Can de Castro Laboreiro. Pero agora os novos criadores dan o cú dende Lisboa á xente que máis vive os cans: os labregos de Castro. Algúns labregos aplicando as súas teses tradicionais estragaron a raza na orixe ó deixaren que as cadelas inzaran libremente co macho máis poderoso. Cecais lles era útil antes dos 90, mais desde a consolidación e apertura de novas estradas e o retorno dos emigrantes o can máis poderoso vén sendo calquera bastardo señorito. Onde antes só había unha raza, agromaron agora un feixe de modas.
O primeiro Can de Castro Laboreiro descubrino na revista de difusión Natura21. Nun dos primeiros números da revista, atado a unha corda, rústico e de aspecto vulgar. O can fora estandarizado xa no ano 1935 por Manuel F. Marques e publicado iste primeiro “estalao da raza” na Tipográfica. de Henrique Torres de Lisboa, recoñecido pola F.C.I. ( Federación Canina Internacional) tiña eu ó elexilo unha base clara sobre a que traballar, consciente do seu estremado perigo de desaparición, coma a que corren tantas outras razas tristemente olvidadas. Castes, matices, e pulos de vida por adaptarense a tódalas esixencias da natureza e perpetuarense. Citemos o Cá de bestiar Mallorquín, o Cá de Bou, o Carea Leonés22… e outra ducia de razas ensombrecidas polos difundidos estranxeiros.
Ó botarlle a primeira vista a un Castro Laboreiro observamos algún parecido morfolóxico co Cá de bestiar Mallorquín e o Majorero Canario. Mais adiante aventuraremos hipotéses en sentido contrario ó que se ven afirmando ata ó de agora. Algunha autora americana, Mary Roslin Willians, entrevendo similitudes, tamén avanzou a orixe dos cáns labradores nos Castros, partindo estos nas flotas bacaladeiras ata terranova e alén mar23. Consideración que parece espantar ós técnicos lusos actuais.
Definido como lupoïde, amastinado, insubornable garda, rústico montañés, ó convivir cun Castro Laboreiro observamos un rico repertorio de mostras afectivas. Sen seren apegañentos, eu vinlles dar beixos auténticos, lambedelas rápidas no dorso da mán, zorregar co rabo nas nosas pernas ou pegar co lombo ó pasar correndo á nosa beira. Tamén son testáns e gustalles escapar. Afóganse nos eidos pechos e saen entolecidos e escopetados ó veren porta aberta. Necesitan a Serra. E hai quen di que tamén lles compre retornar pola noite ”á casa”, por iso fracasaron nas grandes pradeiras americanas cando os deixaron sós durante semanas pra vixia-lo gando. Na aldea, comprendémo-la súa presencia ruando24, uliscando as canellas, custodiando discretamente ós da casa, señoreando as airas comunais, acudindo prestos ás chamadas, disputando soberanía as castes de Pastor Alemán ou Lobo de Alsacia, como antes decían, misturada con mastín. Híbrido que tanto aprecian os nosos, esas combinacións de lobo e “mansuetium”25, de fereza libertaria e potencia amansada. O Castro Laboreiro enfróntaselles. Sospeito que esta mestura foi a súa orixe. Sinto unha indescriptible satisfacción ó contemplar a súa figura alongada “cumprida”, os seus desplazamentos armónicos como algo xenuíno, propio, raro, no mesmo medio no que pasei algúns dos anos máis doces da vida. O seu ser non contaminado de modos nin de modas exteriores é espello dunha cultura. Despóis da proliferación dos Huskys de agora, dos Presas e do aumento sospeitoso de Pit-Bulls, demoledores tanques de “ferrar ata a morte”, pasando polos comestibles asiáticos Shar-Pei e Chow-Chow, lograremos colocarlles castros ós xaponeses?. Hoxe é un chóu levar un bó laboreiro para casa, antes temos que “apurar” a raza entre moitos.
Pero seica é unha raza portuguesa! . Os portugueses fixeron o patrón, rexistrárono, seleccionarono, como pasou co perdigueiro, tamén chamado “Perdigueiro Nacional” ou “Perdigueiro do Padre Domingos Barroso”26. Morou este na rectoral de “Vilar de Perdizes”, hoxe ocupada polo Padre António Lourenço Fontes, antropólogo, “sabio priscilianista”27 e moitas cousas máis, dinamizador do pobo, reivindicador do Comunitarismo e do ser Barrosá28. Ise perdigueiro foi o noso pachón achocolatado abundante noutros tempos na zona de A Mezquita e Viana do Bolo29. É ise, en versión non necesitada de velocidade, pola abundancia de caza, que se pode ver deitado ó pé do príncipe Baltasar Carlos pintado por Velázquez30
Por veces as razas son creacións de individuos. Luís Doberman fixo un can para que o acompañase a cobrar débedas e trabucos, áxil e gardacostas. O médico, Antonio Nores Martínez fixo o Dogo en Arxentina, recollendo e combinando nas facendas cordobesas aquelas características que necesitaba: o blanco, para ser visto de noite na caza do puma; os ventos altos porque o bicho dorme nas árbores; aguerrido, capaz de chimpar un cabalo ó chan. O Setters Laverack e Gordon, o Griffon Korthals levan nome dos creadores, proceso carísimo e lento. Outros foron creacións de institucións. O K.G.B. fixo un can de guerra moi pouco coñecido: O Tchiorny*; negro, para non ser visto de noite; cos ollos protexidos e pelo encaracolado para meterse na auga xeada e resistir ás ventiscas; cadrís anchos para soportar e cargar caixas de municións; dentes cabeiros de sabre para…. En poucas décadas, cos cartos do estado e moitos medios construíuse co mellor de cada casa: Shnauzer, Rottweiler, Airedale Terrier (a planta) e un Retrevier ruso sen medo a auga. O mais normal é que procedan dun pobo e como tales son parte do patrimonio. Os mongoles fixeron o Chow-Chow moi apañadiño: pastorea; garda as iurtas e as propiedades; tira de carriños, ou de trineos; quérese decir que traballa. Ademáis de todo esto da gabilla31 e se fai falla…. cómese. Ten a lingua azulada probablemente indicio revelador dunha carne máis exquisita.
Non pretendo abouxalos coa historia do can de Castro Laboreiro, só facerlles constar un pedazo de historia comunal.
Lembro agora as queixas dos meus pais no senso de que máis me valese criar unhos porcos en troques de tantos cáns. Por veces dou en matinar se non lle cumpriría a cultura galega un can que se coma. Quizais cumpría ademáis unha raza con pel de ouvella e corazón de león, e cando os lobos atacasen ó rebaño sorprenderíanse espantados coa resposta dunhos cantos individuos exteriormente aborregados que lles farían frente con ferocidade. Estamos a falar do Pastor Inglés, bobtail. (nunca vin tal cousa nos libros técnicos, pero como creación é sen dúbida moi suxerente). A través dunha raza, podería enxergarse a forma de ser dos seus creadores, “eses artistas escuros”32 que lles deron forma e función a base de séculos de selección. O Arlindo Estévez33 contoume que ía ás mozas desde o Rodeiro ós Portos -dúas verandas34– a cabalo, de noite, sempre armado e acompañado polo imprescindible Laboreiro. Era ó principio dos anos setenta non había estradas e estaba o monte “infestado” de lobos. A finais dos oitenta os contrabandistas de gando deron conta coa estricnina* dos millores exemplares de cáns e feras. Non falan acaso a miña lingua? A súa economía agrosilvopastoral non é a mesma que mamei na miña infancia?. O “nacionalismo”35 que me levou a adoptar esta raza faime tomar conciencia de outros nacionalismos moi violentos e resesos de esa élite de lisboetas que me desprecian chamándome español e descoñecen o galego*. Sempre me asombrou o grande descoñecemento por parte dos portugueses do facto galego. Os criadores portugueses non ven con bos ollos que reivindiquemo-la raza como propia. Pero acaso a fronteira é real?.
Decíame João Paulo cando lle contaba que os españois andaban a rexistrar un podenco: “over my body”. Carla Molinari sálese das súas casillas cando falamos dun can de augas penínsular. María João Bustorff-Silva tivo unha das manifestacións máis violentas e humillantes que recorde, nunha monográfica en Aveiro ano 95, berrándome dun xeito soez e primario.
Podemos pensar nunha unidade xeográfica superior ós países, unha reserva xenética portentosa e claramente diferenciada que se chama Iberia, e que os mares uniron máis que separaron. Acaso as razas domésticas estiveron sempre eiquí?. Non houbo fluxo e refluxo de pobos e culturas?. O podengo non se emparenta con o can dos faraóns?. Ises de orellas “ghichas” que se ven nos frescos egipcios. O propio can de Castro Laboreiro no seu presunto illamento convive cunha raza de vacas, a cachena ou pisca, a máis pequena do mundo, emparentada co tronco africano “Big-Horn”*, estamos a tratar dunha vaca africana que nada ten que ver coas outras nosas de tronco cantábrico, e polo tanto Europeo. Africa, outra vez?. Sí. A cunca mediterránea tamén. Noutros frescos exipcios vemos os homes na sua frontalidade cunhas vaquiñas de “Cornos Líricos”36 que lles dan pola cintura*. A imaxe suxire, a xenética confirma. O mar está a tiro de pedra, cheiramo-la brisa desde o Xurés onde se sincretizan os climas Eurosiberiano e Atlántico doce, rica zona ecotónica37 de cruce de ecosistemas como sucede en Montesinhos. Xa en época castrexa. (Non hai probas de que a raza teña nada que ver con esta cultura, anque poderíamos literaturizar románticamente) houbo moito movemento a pé, comercio, contactos marítimos e aportes culturais tanto de cultura Hallstática como riscos mediterráneos nas súas últimas etapas38. As razóns do xantar e do espírito suman. Xa se movían moito. Tamén os Amerindios cruzaban todo o norte americano desde os grandes bosques de Québec ata mesoamérica en camiños trillados ó longo de séculos. Entón porque falar de illamento ou de raza mais antiga das coñecidas?.
Non viría por mar un ancestro común as dúas outras razas asentadas en illas: Mallorca e Canarias. Ou pudo ser descargado en algún punto do Sur coas primeiras vacas cachenas e subir pouco a pouco ata acontanarse nesta afractuosidade perto do Atlántico. Está claro que os primeiros que tiveron posibilidade de mover grandes rebaños foron os romanos para aprovisionaren as súas lexións. Conducindo os bois ata a fronteira do Rhin levaban un boieiro-“boyero”-“bouvier” de Molosia que castizando con cáns locais deu orixe ó Rottweiler*. Non ó chóu, senón que modelado polos carniceiros desta cidade que nos séculos XVII-XVIII utilizáronno como conductor ás feiras de gando e portador dos cartos nun peto colgado do colo. Un salvavidas ante os frecuentes atracos dos salteadores de camiños. Sabían que do carniceiro non ían sacar nada e terían que convencer ou apañarse coa ferocidade desa caixa forte.
Reivindico irmáns e « nobres lusitanos »39 o dereito a chamarlle a esa raza « nosa », sen sufrir os vosos ciúmes. Aceptando aportacións, inquedanzas, e sensibilidades. As xentes castrexas, así chamadas hoxe os de toda a freguesía de Castro Laboreiro, concello de Melgaço, piden un can mais corpulento e forte capaz de entrarlle ó lobo40. Algún distes matado furtivamente no parque no ano mil novecentos noventa e sete41 medía 71 cm. de alzada e para esta xente non serven os lulús de cincuenta e pico de alzada que se crían no sur por moitos premios que lles den; endogámicos cáns e os xuíces que os premian tamén parecen endogámicos . Os criadores Lisboetas deben lembrar que están a 600 quilómetros e outros estamos a oitenta. De porparte a cuestión da fronteira é ridícula. O que moitos galegos pretendemos é defender certas razas a xeito de patrimonio. Entendemos que independentemente da súa orixe, chegan a nós para cumprir funcións, e cantas máis lles saquemos mais futuro terán . Temos visto algún can de castro amarrando e esganando xabaríns42 de cinquenta quilos, como exemplo o Macks43; a nosa xente farta de ver as leiras de millo levantadas e as hortas fozadas teñen a man un novo instrumento, mais versátil que a escopeta . Alguén o fará para todos nos entresacando de ises poucos funcionais44.
Para mellor defini-la raza entresacamos do patrón algunhas descricións:
O solar desta raza circunscríbese á zona e montañas enmarcadas entre o río Limia e Miño, desde o Soajo no Lindoso ata Melgaço-comprendendo o macizo da Peneda – ata mil e catrocentos metros de altitude. Ámbolos dous ríos sonorosamente galaicos. Tendendo a rectilíneo, garupa traseira un pouco mais alta que o garote (cruz dianteira), corpulencia é algo superior ás razas medias. Machos de 56 a 60 cm., femias de 52 a 58 cm. segundo o primeiro estándar do ano 1935. Peso de 25 a 40 kg. Hoxe acéptase certo crecemento debido ás mellores alimentacións, e aprovouse en asamblea do Clube do Can de Castro Laboreiro celebrada o día 10 de xullo do 93 e publicado no Boletín Nº4, aceptarse un aumento de tamaño ata 64 cm.os machos e 58 cm. as femias. Esto que está escrito parece que aínda non se inscribiú na Federación Canina nin no Clube Portugués de Canicultura C.P.C. ,que son os que mandan. Segundo algunha teoría esto sucede porque lle permite dar saída ós señoritos ós seus cans incestuosos que prodigaron un xen ananizante45, permitíndolles rexeitar ós do Norte, ós nosos; mais vigorosos, e eliminalos logo dos concursos e dos rexistros46.
Para acabar, cómpre sinalar que o can de Castro Laboreiro está clasificado no grupo 2 – garda e defensa- diferenciándose dos pastores que se mexen mais e non necesitan tanta talla. Lembro o Laboreiro chamado “Piloto-Ramón”47 que “vira” o gado i é excepcionalmente intelixente. O Can de Castro é un custodio insobornable de persoas, propiedades e facendas. Vigoroso, de agradable conxunto morfolóxico, capas escuras e “lobeiras”, ten tres tamaños de pelo mesturados que os adapta ós coriscos e xeadas dos planaltos. Mimetízanse algúns co monte circundante incorporando algunha cor de fento, de penedo cinzento ou de herba palliza48. Desclasifícanse os negros totais e as grandes manchas brancas salvo algún punto no peito. Orellas caídas coma o seu curmán palleiro*, a cauda en repouso é de alfanxe. Outras características definitorias: equilibrio e rusticidade; intelixencia e determinación.
Se as características dunha caste exteriorizan e obxitivizan a do seu creador, neste caso, O POBO, así somos, e ehí estamos nós.
Internet é unha marabilla. Dá para aportar moitos dados, ler é voluntário. Como o espazo é prácticamente ilimitado quero recordar a unha chea de persoas que me axudaron dun xeito ou doutro. Son incontables. O can únenos. Para mín xunto co lobo son auténticos tótens. Iconos luminosos, como fírgoas, na noite do olvido.
Teño unha lembranza especial para duas persoas que xa non están entre nós. Deixaronnos imprevistamente na madurez serena. Adícolles este artigo. I. M.
João Paulo de Guinea Correia Barbosa, xuíz , e
José Agnelo Rosas, criador, colaborador entusiasta do C.P.C de O Porto, os dous xa falecidos, I.M.
Tambén quero agradecer “por órden de aparición no reparto”: Padre Aníbal Rodrigues, I.M.; víuva de Rosas, Aida María e fillos; a viúva de João Paulo, Benedita; Henrique Abranches Pinto Ramos Dacosta, médico veterinário, haberá que facer história dun inxente traballo silencioso e entregado, junto con Pedro Júlio Santa Rita, acompañáronme na miña soledade a principios dos noventa. Carlos Gómes de O Porto. Fernando Martíns; Fernando De Sousa; Tito Costa, director do Parque nos noventa; António André Afonso do canil dos montes do laboreiro; e seu pai, quen, como Castrexo e home do pobo, nos axudou nun xulgamento improvisado no concurso de Castro do 15 de agosto de 1994 ante a ausencia e abandono dos xuíces; Arlindo Estévez; Elisabeth da vila de Castro, dona da Tita; Luís Almendra e María Manuela Almendra; Sr. Eduardo Wallace, I.M., xuíz e fundador da Canina, rexistrounos o Tarzán do que conservamos sémen en Lugo pero por obcecación burocrática da canina C.P.C., non podemos mencionalo nos rexistros despois dunha inseminación artificial porque morreu antes de que se implantaran os microchips, e ten que ter microchip. Un morto ten que ter microchip senon non podemos rexistralo como proxenitor. Vale. “And so one”. João Aveledo, renuncia a españolidade, como moitos, para “reintegrarse” no espazo natural, anque os portugueses non nos queiran. José Teixeiro; Álvaro M. Correia Santos; Fernando Cerqueira Magro; Alfredo Herculano Pinto Pereira; Quinta da Mata en Chaves e seu dono Filinto Morais; Manuel Ortiz; Jaime Rey de Roa, e o suplemento “Ozono” do xornal El Correo Gallego de S. de Compostela; Jornal de Notícias de Chaves; Graça Lópes; Eva E. Correia Márques; Francisco Remeseiro, escultor e artista polivalente de altas capacidades; Destaco os seguintes veterinarios da Xunta de Galicia: Alfredo Rúa Rúa, Cástor Rivero e Miguel Rodríguez do centro de conservación de razas autóctonas de Fontefiz en Ourense, quenes me asesoraron, axudaron en proxectos varios, proporcionaron información cando todo este mundo era moi incipiente, e demostraron coas suas intervencións grandeza de miras e nobleza nos obxetivos ; Dra. Ana Pena da unidade de obstetricia da facultade de veterinária de Lugo; Gonzalo Francisco Fernández Suárez, paleógrafo do campus de Lugo; Os irmaus António e Joaquim Lourenço Fontes; José Gonçalves do Restaurante a Castreja, acolleu o Maks, exemplar máis que excelente, ofertado de graça por Henrique Ramos Da Costa que resultou providencial ante a escasez de machos; Silvia Ribeiro, bióloga do Grupo Lobo, por compartir información. A Xosé Luís Méndez Ferrín; Miguel Torga; Elena Berjano; e Roque Bouzo.
A partir do 2010 teño que mencionar un núcleo de persoas amadoras, entusiastas e entregadas que dun xeito altruista colaboraron conmigo, ben intercambiando cachorros, ben facilitando montas e achegas de exemplares, ben informando. Estas persoas por seu altruismo axudan enormemente a pular pola raza fóra do que son as crias industriais.
Para min é fundamental a transparencia. Infelizmente desde hai unhes anos dase a circunstancia de non facilitar localización de exemplares, ou filiacións, nun mundo absurdamente competitivo.
A raza fíxose con moito altruismo, intercambios, colaboracións entre xente do pobo, con competencias egolátricas ( os que gañan os concursos son os cans, non a xente, quenes acadan na fotografía máis importancia que o exemplar ), con competencia espúreas, oscuridades e capitalismo puro desaparecerá como o que foi.
As persoas que a continuación menciono son merecentes da miña estima. Anque noutras circuntancias non vehiculen toda a colaboración necesaria, conmigo demostraron ser xenerosos e colaboradores.
Para formar parte de esta lista hai que merecelo, sendo transparentes, colaborativos e altruistas, non necesariamente temos porque concordar en apreciacións técnicas.
TRANSPARENCIA INFORMATIVA E NOBLEZA DE MIRAS.
Neste mundo, infelizmente, fun encontrando xentes escuras no referente a información, e outras desleatades. Elimineinas das miñas referencias.
As persoas que a continuación relaciono son persoas en activo, siguen vinculadas á cinofilia en particular á tenencia e procura de Cans de Castro Laboreiro. Son merecentes da miña estima e consideración.
Formamos un pequeno núcleo de interaxuda que ten como bases fundamentais duas palabras:
Transparencia e nobleza de miras.
A familia Almendra, Luís e María Manuela Almendra, de Mirandela, ingenieros zootécnicos.
João Aveledo, de Monfero-Galiza, Farmacéutico e profesor.
Francisco G. Remiseiro, artista polifacético superdotado, principalmente escultor.
Ruí Baptista, da Mealhada, Farmacéutico. Afixo “Quinta das Costeiras”.
Lisardo Dominguez, Arraiano, Alternativo. Dono de varios exemplare.
Eduardo González, Eri, da Galiza, dono dun macho polifuncional, Ecologista radical, militante.
Alexandra Moura. Pastora en exercicio, grandísima sensibilidade con os cánidos e animais. Café do Rato en Pitões das Júnias.
A familia Cascais, Katia Pereita e Antonio Cascais, donos da Taberna do Cascais desde a que se contempla unha paisaxe extraordinaria. Excelentísimas persoas.
CANÍS COMERCIAIS.
Antonio André Afonso, Ingeneiro agrónomo, Castrexo, fundador do canil “Montes do Laboreiro” e sua nai Dona Sara, probablemente unha das pesoas portadoras de sabiduría antiga máis importantes en vida a día de hoxe ( setembro de 2023) . Filip Afonso, seu irmao, Depositario e herdeiro dunha tradición pluricentenaria, Quenes nos acompanhamos e interaxudamos desde há máis de 30 anos.
Ruí Viveiros. Afixo “Campos de lis”. Grande técnico. Personalmente respeto moito sua opinión. Conmigo transparente, embora a partir de certa data non proporcione públicamente certas informacións.
1 Imáxen alusiva ó verso de R.M.Rilke: “A patria dun home é a súa infancia”.
2 Lumieira: na miña cultura son pedras, normalmente de granito, usadas para colocar encima das portas. Son singulares en tamaño e eran escasas. En castellano sería o lintel. Os meus primeiros recordos remóntanse ós tres anos lembrando unha cadela que fixera o toco entre unhas lumieiras depositadas na horta da casa. Homenaxe a quen me abríu as portas da cinofilia.
3 Mulida:comprobei que persoas alleas a nosa cultura non entenden ben o término e ten aportacións etnográficas e antropolóxicas. Mulidas son pezas de pel que se utilizaban para cubrir as testas das vacas para evitar o roce do xugo. Utilizábase pel de can. Cando interrogo na miña aldea porque se lle aproveitaba ó can e non a outro animal, respondeuseme que era por motivos económicos. Éramos moi humildes. A Pel de becerro vendíase para outros menesteres máis cara e en casas fartas podían ser empregues. Agora ben, as mulidas de can máis apreciadas eran as de capa branca mallada de preto. Esta aportación vainos ser reveladora máis adiante.
4 Casa: na miña cultura é a unidade básica. Tamén se lle pode chamar fogo ou lume. Para a xestión dos espazos comunais contábase por lumes para exercer os dereitos: “tes lume no lugar?”. Na miña casa vivíamos varios membros da familia materna, avós, tios, e a miña nai e eu. O pai estaba emigrado na Francia. Nada a ver coas familias nucleares. Na miña psicoloxía segue a ser fundamental. Unha casa con moita xente, os animais domésticos, as vacas, e un can. Vacas marelas, caste desaparecida, cecais absorvida por a “rubia gallega”, raza recreada e de denominación falsa. Rubio en galego é parecido a vermello. Os veterinarios eran de fora e viñeron sentar cátedra eiquí. Eu vín personalmente nos noventa como preñaron castes autóctonas con semen gratuito cedido por a xunta, pero de razas dispares. Falo nelo máis adiante no texto.
5 Loureses: Antropoloxía dunha parroquia galega. Manuel Mandianes Castro, galaxia 1984. Un libro de antropoloxía extraordinario que me ensinou moito do que fomos, da nosa singular cosmovisión.
7 Razas Bovinas Autóctonas de Galicia. Razas morenas gallegas. Recursos genéticos a conservar. Luciano Sánchez e varios autores, Xunta de Galicia, 1992.
8 As terras de ourense son riquísimas en razas diferenciadas de animais domésticos. No que atinxe ás vacas, chámaselle indíxenas ás seguintes: caldelá, frieiresa, vianesa, limiá e cachena,-amais da rubia,xa moito máis seleccionada-; tamén se fala da marela, absorvida pola rubia. Estas cinco primeiras vacas agrúpanse na denominación “morenas do noroeste”. Para aprender a diferencialas en conxunto das alleas déronme unha norma de aprendiz: levántalle o rabo e, se teñen a vulva negra, é das nosas, se teñen despigmentación, é mestizaxe. Coa devandita norma, fíxome luz sobre un xuramento que lle oíra moitas veces ó meu pai: “me cago na cona moura”.
Abofé que as vacas indicadas teñen moitas outras características interesantes e dignas de conservar: rusticidade, lonxevidade (partos censados ós vinte anos, cando unha holandesa acábase ós onze anos), resistencia, capacidade para o traballo, carne moito máis saborosa, tona do leite incomparable. E, ó que imos: estas vacas tamén nos diferencian fronte a homexeneización de gustos a escala mundial.
Ora ben, pon arrepío pensar nos efectivos totais de “morenas do noroeste”. A suma total de bois, vacas e xuvencas a 31 de decembro de 1998 (segundo o Centro de Conservación de Razas Autóctonas de Fonteriz, da Consellería de Agricultura) élles esta: Vianesa, 275; Limiá, 75; Cachena, 420: Frieiresa, 137; Caldelá, 235. O total da suma é 1142.
A nova estatística de 2007 podese procurar na páxina da federación de asociacións de bovinos autóctonos: www.boaga.com, bovinos autóctonos de galicia. Aproxímase ó triple de vacas.
10 Na altura de ser escrito o artigo, 3º trimestre de 1999 era avangarda falar do Can de Palleiro. Esta é unha das poucas referencias en revista seria. A xunta púxose a traballar a posteriori nun morfotipo de can de palleiro co que non concordamos. Non se dignaron falar con niguén. Parécenos unha actitude como mínimo corporativista. Estas premuras en “inventar” razas fannos sospeitar de urxencias por conseguir subvencións de Bruxelas. Outra lacra, cando se fai dese xeito sen contar co pobo. Acaso podemos preguntar, hai pobo?.
11 O Euskal Artzain Txakurra, recoñecido o 5 de xuño de 1995 por a R.S.C. Real Sociedad Central de Fomento de la Razas Caninas Españolas.
12 Artigo publicado en La Revista del Perro por Carlos Contera ano 1993. Primeira referencia seria que teño. O seu morfotipo ten as orellas caídas e difire moito do recollido por a xunta, aproximándose máis as descripcións que recollín na miña aldea.
13 Manuel Ferreño vive actualmente (2008) en Bobadela A Pinta, concello de Xunqueira de Ambía.
14 Este can pasou a chamarse can de gado Transmontano e así foi recollido por o clube portugués de canicultura. Nin o palleiro da xunta de galicia, nin o can de gado transmontano están recoñecidos a día de hoxe, novembro de 2008 por a Federación Canina Internacional.
16 As capas dos can de palleiro preferidas para as mulidas das vacas eran as brancas malladas de preto. Capa abundante no can de gado transmontano. Un libro sobre esta raza foi publicado por o clube portugues de canicultura, ano 2005.
17 La frontera hispano lusa en la provincia de Orense. Boletín Auriense, Anexo nº11-1988. Museo Arqueológico provincial . Autor Luís García Mañá.
18 No decir do Padre Fontes o Larouco debeu ser un deus adoecido, dos alustros ou dos tronos , un deus destructor. Todos os meus cans que levaron ese nome morreron de parvovirose. Non me quedaron gañas de porlle ese nome a can ningún.
19 Según Elixio Rivas Quintas, no seu Libro: A Limia, Deputación de Ourense, Antela ven de Anta, pedra ergueita. É a pedra Alta, un Men-Hir, ou pedra fita recuperado en 1986 e posto de pé a beira da estrada pero a unhe douscentos metros do seu lugar de emplazamento orixinal.
20 A Veiga mantivo ate hai pouco unhas cinco mil vacas “como castelos”. António Villarino Gómez fala de máis de 190 especies de aves: Vertebrados da Limia, dende a lagoa de Antela ós nosos días, I, Aves: Gaviformes a Piciformes; ed. e prod. Xosé Luís Martínez Carneiro.
21 Agradecería que alguen me indicase cal foi a data e número. Escribinlles mandándolles unha separata do artigo por telos citado sen consecuencia ningunha. Agardo.
22 Las razas caninas españolas. Eduardo Benito Ruíz, Rafael Malo Alcrudo. Ed. Hispano Europea. Barcelona 1992.
23 El mundo del perro septembro de 1997. Mary Roslin-willians, The Dual Purpose Labrador. Neste mes de novembro o presidente da república Francesa, Sarkosy viaxa a Québec onde é agasallado con un exemplar de can Labrador e vólvese a mencionar nos medios de comunicación a súa orixen nos castros laboreiros.
25 Término proposto por Jesús Vadillo Jiménez no libro de razas españolas antes citado. Equivalería a manso, amansado.
26 O perdigueiro Portugués, Padre Domingos Barroso, edt. Gaceta das aldeias.
27 Imaxe de indudable beleza, coa que concordamos, proposta por X. L. Méndez Ferrín nos seus artículos xornalísticos.
28 Etnografía Transmontana, volume I , e II, António Lourenço Fontes. Ed. Domingos Barreira.
29 Referido por Emilio Dapía Sánchez, quen exerceu un liderazgo impagable entre os cazadores Ourensanos. Fundador dunha asociación de cazadores ecoloxista. Os cazadores son a orixe da cinofilia. Á caza chámaselle deporte cinexético, cuxa raíz é kiné, can. A Dapía débeselle a salvación de Trevinca e moitas outras cousas. Algún día se lle recoñecerá.
31 Na miña aldea era sinónimo de “compañía”. Despois souben que era unha banda de bandoleiros. O dito era: “moito che ghusta ir á ghabilla”. Hai geada.
32 Tomado do libro O perdigueiro português do Padre Domingos Barroso, Ed. Da Gazeta das aldeias, 1990. O libro en conxunto ten unha potencia literaria extraordinaria.
33 Mora nas curveiras, unha inverneira, abandonou o veranda dos Portos e fíxose a día de hoxe sedentário.
34 Na revista Arraianos nº VIII de xaneiro de 2008 publícase o artigo: Brandas e inverneiras; o nomadismo peculiar de Castro Laboreiro. Por José Domínguez e Américo Rodrigues.
35 Aparentaríase máis a denominación dos “Québécois”: “la monté des mouvements identitaires”. Unha procura de identidade diferenciada. A raza do can de Castro Laboreiro axúdame, sen dúvida.
36 Expresión tomada de X.L. Méndez Ferrín, quen a súa vez a tomou de Otero Pedraio, esto último revelado por Manolo Outeiriño.
37 Término mui interesante da ecoloxía. Refírese a aquelas zonas de cruce ou intersección de dous ecosistemas. Acostuman a ser moi ricas en biodiversidade porque teñen especies tanto dun como do outro ecosistema.
38 A cultura castrexa. , Francisco Calo Lourido, Edicions A nosa terra. Maio 1993. Esclarecedor.
39 O verso de Eduardo Pondal no que hoxe é himno galego dí: “os nobres lusitanos, os brazos tenden amigos”. A realidade é que a inmensidade dos Portugueses ignoran o “facto Galego” e trátannos de Espanhois, sociedade que por outra parte parecen temer e envexar a un tempo.
40 Discrepo coa necesidade de termos cans altos contra o lobo. Comprobei co meu “Artur” que é unha cuestión de carácter. Tampouco deben ser pequenos de máis pero un tamaño medio con un carácter aguerrido, e que non se arredre, é suficiente, cecais morfoloxicamente ergonómico.
41 Dados proporcionados verbalmente por Américo Rodrigues, Arlindo Estévez e outros. Engadimos que na Galiza séguense a abatir lobos furtivamente, con armadillas e lazos. Dados de A Pobra de Trives por os meus alumnos, anos 2004, 2005. Non se negocia coa administración, actúase radicalmente na mor parte dos casos.
42 Eva Elisabete Correia Marques fala de ter coñecido dúas cadelas aptas para o xabarí. O “cão de Castro Laboreiro, estudo de alguns aspectos biométricos e morfológicos. Relatório de estágio da licenciatura em engenharia zootécnica, Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro, Vila Real 1998.
44 Temos o problema dos cans de concurso-exposición que non sabemos ben se son funcionais. Se son quen de traballar, gardar os rebaños e propiedades. Eu collín o costume de socializar os meus cachorros con pegureiros desde os tres ós oito ou nove meses. Págolles por tal traballo alén de procurarlles sustento.
45 Eso dín que pasou co “Home de Flores”, e que acontece cando unha poboación queda pecha nunha illa. Co tempo acaba ananizando. Eso pode acontecer con unha raza con poucos efectivos que recurre a endogamia sen planificación.
46 A cinofília que se dá entre a xente de Castro, nas aldeas do norte é secular, inserida na cultura popular e non ten nada a ver coa papelada da oficialidade. Os da canina española téñenme tan farto , porque a fronteira, e Europa, os saca do guión creándome tantos problemas de orde burocrática que cheguie a conclusión de que non son os únicos que poden certificar unha orixe, que é básicamente para o que están. Podemos facelo tamén nós con métodos diferentes de identificación dos ancestros. Todo depende da confianza que podamos xenerar. E os cans teñen que ser bóns e funcionais, teñan papeis da canina ou papeis expedidos por proprietarios. Algún día, queiro deixar constancia, haberá que investigar a corrupción.